O 24
de novembro Teresa Ribera deixou de ser a responsábel do MITECO, e fíxoo sen
ter visitado As Pontes durante os 6 anos que ocupou o cargo, nin sequera durante
a campaña das últimas europeas na que era candidata.
E
non sería por non ter relación coa nosa Vila, que a tivo, e moita, pero para
nada foi unha boa relación; as súas decisións foron moi prexudiciais, tanto que
o propio alcalde chegou até liderar unha manifestación multitudinaria a Madrid
(como ela non viña); tamén é certo que, sen saber o por que, o alcalde
abandonou a proposta e, tamén, ao seu pobo, sen explicación algunha.

O seu malquerer nas Pontes tivo un anuncio previo
cunhas declaracións dun Secretario de Estado de Enerxía, en novembro de 2018,
moi preto dunhas municipais, sobre de que a Central non duraría máis aló de
2030 (vaia se tiña razón), que motivaron o desmentido do Delegado do Goberno en
Galiza, un tal Javier Losada (“quiero dejarlo muy claro, As Pontes no se va
a cerrar, va a seguir abierta”), e mesmo da Ministra, co alcalde de
mensaxeiro.
Logo tivemos outro desmentido, pero este xa de
verdade, en decembro de 2019 co anuncio de Endesa do peche. E tamén o outro
grande engano, en outubro de 2022, o da “Transición Xusta”, aquelo de
que “non deixar a ninguén atrás”, que na práctica supuxo e supón “levarse
a todo dios por diante”.

Teresa,
a Ministra, foise, sen vir polas Pontes, sen dar a cara e, sobre de todo, sen
acordar alternativas á súa desfeita -coa complicidade pasiva da Xunta e do
Concello-, alternativas que xa tiñan modelo e con bos resultados, o
Plano de Desenvolvemento, posto en marcha ante o peche da Mina e que foi
produto de importantes mobilizacións sindicais e sociais no ano 1997 -que
evidencian agora a inacción política diante do peche da Central-, modelo que
podería evitar aínda que non asistamos ao punto final para As Pontes
E, sen embargo, semella que
ninguén vai facer nada?