VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN
Un dos proxectos da Residencia no Hospitalillo (maio 2019)
O Alcalde das Pontes, e tamén Presidente da
Deputación, é quen de facer repetidos anuncios que despois non se compren, sen
custe algún; trátase de facer máis anuncios, iso si, sen explicar nunca que
pasou cos anteriores.
Tanto ten que fale de chan industrial (que non
existe), como de proxectos empresariais (cantos leva anunciado?), como de
axudas do Plan Miner ou da Transición Xusta (case que inexistentes); o certo é
que consigue cunha foto tapar a anterior. E, dado o éxito do método, agora
tocoulle á Residencia Pública de Maiores.
Aínda que nos 17 anos de Alcalde xa anunciou varias Residencias -ningunha feita-, volve a aplicar o conto, dá igual. O curioso deste novo anuncio, o dunha Residencia da Deputación, é que non é novo.
Xa o fixo no 2019, hai 5 anos; daquela ía ser no
antigo Hospitalillo de Endesa, mesmo presentou unha infografía e a cantidade
que concedía da Deputación que xa presidía: 500.000 euros. O resultado é
coñecido: todo quedou nunha nota de prensa en campaña electoral.
Mais o tempo vai pasando, a situación demográfica das
Pontes, con perda de poboación moza e envellecemento moi superior a doutros
concellos galegos, demanda con máis urxencia unha Residencia Pública de máis de
80 prazas só para As Pontes, segundo os criterios dos organismos internacionais
(5 camas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos).
Mais nesta ocasión a presión obrigou ao Alcalde a actuar con urxencia, sen valorar as consecuencias da súa posta en escena mediática; o compromiso fíxose nun Pleno, que está gravado, no que afirmou ter convenio e anunciou datas e cantidades económicas (6 millóns de euros). Desta volta, o Alcalde vai ter que render contas.