O ALCALDE DAS PONTES E O HIDRÓXENO VERDE
É ben coñecido que o Alcalde das Pontes distínguese por ser un vendedor de ilusións, de ilusións así de grandes (ver foto); nunca anuncia proxectos simples, non, iso pode facelo calquera, el vai sempre máis alá.
Anunciou un Parque Industrial na Vilavella, pero Tecnolóxico, industrial faino calquera, e ademais cun Tecnolóxico semella que estamos máis preto de Silicon Velley. como xa se sabe, tal parque nunca se fixo, nin Tecnolóxico nin como o de calquera outro concello; pero que máis ten, o anuncio e a palabra Tecnolóxico quedaban brutais.
E que se pode escribir sobre dos anuncios da Residencia de Maiores, cunha chea de formatos, co apoio de diferentes Administracións, en distintas ubicacións, ..., segundo o ano electoral que correspondese; e, no último anuncio, xa non lle chega con dicir que vai facer unha Residencia, senón que, tirando da súa permanente venda de ilusión, disque vai ser unha Residencia comarcal que vai rachar a pana, un edificio con tódolos avances tecnolóxicos e a domótica correspondente. Nada de ter unha como as que xa existen noutras vilas, non, nós imos agardar, non sabemos canto, pero a nosa vai ser até na prensa de Madrid. Canto van sufrir de envexa todos eses concellos que xa teñen Residencia¡¡¡; nós -As Pontes- podemos chegar algo tarde de máis, pero non nos van superar, disque imos ter até mascotas nas habitacións.
Con todo o seu historial de vendedor de ilusión "duracell", non ía anunciar só unha
central de hidróxeno verde, non, iso faino calquera; segundo el, o hidróxeno que
se produza nas Pontes vaise poder consumir en Múnich, pero non en calquera sitio, na fábrica de BMW¡¡¡. O noso hidróxeno vai ser especial, máis ben espacial. De falar do consumo nas Pontes, mesmo na Galiza, nada de nada; a historia de producir enerxía e que se consuma lonxe xa a coñecemos, o
beneficio sempre está onde se consume a enerxía, e senón que llo expliquen a
Madrid, que apenas xera electricidade.
Sería posíbel facer unha análise das incertezas do hidróxeno verde -que non o "limpo"-, sobre de todo dende a posición actual da Galiza, mais semella moi lonxe das pretensións do Alcalde, pola diferenza entre ilusión e realidade. Porén, é necesario lembrar o que dicía, xustificando o peche da Central, sobre outro proxecto de hidróxeno verde, o de Endesa, ao que xa ten renunciado hai tempo, e á que o Alcalde, noutra venda de ilusión, definía como “a primeira planta de Galicia e de toda España”:
É moi probábel que o Alcalde aínda teña unha pila de existencias de ilusións, que, de seguro, aínda terá que ir vendendo. Mais lembrarlle o vello dito: “Pódese enganar a un todo o tempo, a todos un tempo, pero non a todos todo o tempo”.