AS PONTES-ENDESA: CENTRAL DE HIDRÓXENO EN ANDORRA SI, NAS PONTES NON

 



No 2022, o mesmo día que o Ministerio de Transición Ecolóxica autorizaba o peche da Central Térmica de Endesa, a empresa anunciaba un plan de desenvolvemento por valor de 2.682 millóns de euros, co maior proxecto de hidróxeno nas Pontes.


Como sempre fai, o Alcalde das Pontes sumouse a xerar expectativas positivas, sempre facendo promesas que, pasado o tempo, seguen a ser só promesas “en tramitación”.




Só un ano despois, en setembro de 2023, Endesa fixo outro anuncio: a súa renuncia ao  proxecto de hidróxeno, que era o “máis avanzado”, e que aínda hoxe publicita na súa web (https://www.endesa.com/es/proyectos/todos-los-proyectos/transicion-energetica/futur-e/as-pontes). Non coñecemos ningunha declaración pública do Alcade sobre do tema, só silencio.

Agora, cumprindo coas esixencias do Concurso de Transición Xusta, que afecta á capacidade de evacuación do nodo Mudéjar (Teruel), Endesa empeza a tramitar a construción do seu proxecto de hidróxeno en Andorra.

Lembrar que o nodo de evacuación das Pontes, que debería ter os 1.400 MW que deixa libres o peche da Central Térmica, nunca foi obxecto de Concurso, o Goberno do PSOE (o do que tanto fotos presume Valentín) non fixo nada, só negalo despois de vendelo como a nosa “fortaleza e oportunidade”.

As diferenzas das obrigas para Endesa entre o peche da Mina e da Central son moitas e evidentes. Dez anos antes do peche da Mina, Endesa tivo que asumir a realización de Penapurreira e subvencionar ás empresas que se instalaban; agora, co peche da Central, a Endesa chégalle con trasladar falsas esperanzas, coa colaboración do Alcalde, do MITECO e da Xunta.

E as diferenzas tamén están nos resultados. Nos 5 primeiros anos de aplicación do Plano de Desenvolvemento (1997-2001), creáronse 826 empregos en 29 proxectos, mentres que a Transición Xusta, nos seus 6 anos de aplicación, vén de apoiar a 6 proxectos con 27 empregos.

Fronte ao tacticismo dos anuncios e promesas, está a do traballo rigoroso e serio das realidades. O de Andorra é un exemplo, como o foi o das Pontes no seu tempo.





Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES