ENEL, ENDESA, E HIPOTECAS DAS PERSOAS MOZAS
LEVOULLE MENOS TEMPO A ENEL
RECUPERAR A COMPRA DE ENDESA
QUE AS PERSOAS MOZAS PAGAR A HIPOTECA DUN PISO
En só 17 anos ENEL recuperou o pagado pola compra de ENDESA, que era unha empresa pública, e iso que falamos dunha pequena cantidade (léase con retranca), algo máis de 36.000 millóns de euros.
Pola contra, á maioría de xente moza que solicita
hipoteca para a compra dunha vivenda lévaslle 30 anos pagala; a esta
contradición chámanlle “visión de mercado”, “enxeñaría financeira”, ..., o que
non deixa de ser un simple pelotazo capitalista.
E todo isto de pasar dunha empresa pública estatal a
unha empresa pública italiana, nun sector estratéxico como é o enerxético,
fíxose coa colaboración política necesaria do PP e do PSOE, coas xa moi coñecidas portas xiratorias e outros datos non tan coñecidos, como o do que, neste período de 17 anos, houbo un Presidente de Endesa que, durante
varios anos, tiña unha retribución bruta de 11.800 euros diarios.
A estes beneficios disparatados de ENEL houbo que
sumarlle a vergoñenta achega do V Convenio do Grupo Endesa, onde a sección
sindical da UGT entregoulle 515 millóns da provisión de dereitos do persoal
pasivo e activo de Endesa.
No caso concreto das Pontes, ENEL tamén sacou tallada. En primeiro lugar, desfacéndose de propiedades que debería manter e pagar o IBI, entre elas a Canle IV que atravesa a Vila e que aínda hoxe, cando xa empeza a provocar problemas, descoñecemos cal foi o motivo polo que o Concello aceptouna sen ningunha contraprestación; en segundo lugar, e máis importante, a nula compensación que recibe As Pontes co peche da Térmica, a diferenza do acontecido co peche da Mina, onde a mobilización sindical e social obrigou a ENDESA a sufragar o Plano de Desenvolvemento, instrumento que só tivo aplicación nas Pontes. Destacar o silencio do Alcalde ante dous feitos, o que xa comentamos da case eliminación de Dereitos Sociais, que tamén supón unha perda económica, vía salarios e pensións, na vida económica do Concello (véselle ao Alcalde o seu compadreo ca UGT), e o menos coñecido, sobre os ingresos en contibución e actividades económicas aos que estaba obrigado ENEL-ENDESA, que, co peche da Térmica, significan xa ao ano 2,6 millóns de euros menos nas arcas do Concello.
É sorprendente que o noso Alcalde, tan afeito a
anunciar boas novas e proxectos -leva 17 anos facéndoo sen ningunha realidade- non diga nada desta perda de 2,6 millóns.
En fin, ENEL fixo negocio, un gran negocio, tanto a nivel Estatal como Galego, pero para iso tivo e ten colaboradores.