TARIFA ELÉCTRICA GALEGA VERSIÓN PP

 


A relación do Partido Popular galego e da Xunta coa defensa de termos unha Tarifa Eléctrica Galega é, cando menos, sorprendente e contraditoria.

Este Partido pasou de apoiar co seu voto a toma en consideración dunha Iniciativa Popular da CIG no Parlamento Galego para despois, no propio trámite parlamentar, baleirar todo o contido desa ILP, que, non casualmente, foi a de máis longa tramitación no Parlamento con case dou anos.

No proceso dese trámite, o Presidente da Xunta -naquela altura Feixóo- fixo repetidas declaracións sobre a imposibilidade de termos na Galiza unha tarifa eléctrica máis baixa, mesmo chegou a dicir que “En España non se entendería”.

Tempo despois, en outubro do 2024, a mesma Xunta do PP -agora con Rueda como Presidente-, e despois dun retiro “espiritual” do seu goberno na Ribeira Sacra, anunciou que a empresa Recursos de Galiza (sucedáneo de empresa pública/privada) ía constituír unha comercializadora eléctrica para, xa no 2025, ofrecer unha rebaixa do prezo da luz do 50% nos concellos con parques eólicos.

Neste momento, xa no 2025 e sen novas sobre esa comercializadora, volvemos ter outro novo anuncio da Xunta, desta volta coa elaboración dun novo Plano Sectorial Eólico que, previsibelmente, estará rematado alá polo 2028, cando xa teñamos os montes cheos de eólicos pola vía da "excepcionalidade". Con este novo Plano Sectorial van conseguir unha baixada do prezo da luz, mesmo pode chegar a ser xeneralizada para toda Galiza; ben é certo que, desta vez, non explican como van facelo.

Semella que agora, cando xa noutras Comunidades Autónomas hai diferentes iniciativas para beneficiarse deste recurso autóctono, á Xunta preocúpalle menos o que se pense no Estado Español sobre tarifas diferenciadas, algo que xa existe nalgúns países de Europa dende hai moitos anos; de feito, a tarifa eléctrica única no Estado foi unha imposición do franquismo.

Como dicimos ao principio, faise curioso ver como o PP (e a Xunta), en relativamente pouco tempo, van mudando os anuncios; están nunha encrucillada: defender os intereses das empresas eléctricas (véxase a lexislación que aproban para beneficialas) e, pola outra, explicarlle á sociedade galega que todo isto vaille beneficiar. E nesa contradición andan.

Cando se deu o debate da ILP da CIG, un alto cargo do Partido Popular no Parlamento recoñeceu, en privado, que o relato sobre a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega estaba gañado polo nacionalismo, e que ao PP só lle quedaba estudar como podía xestionar esta reivindicación.

Nós, o Bidán, non acreditamos moito nestes anuncios da Xunta; o tempo vainos dicir cando e como se cumpren, se é que o fan. Mais, en calquera caso, permítasenos unha licenza; xa que vivimos nunha desas moitas vilas galegas con Parques Eólicos, estaremos moi pendentes do anuncio de outubro de 2024, é dicir, Recursos de Galiza vai rebaixar nun 50% o recibo eléctrico no 2025; porque estamos seguros que esta Xunta sempre respecta e cumpre o que anuncia (léase este último con retranca).

Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES