QUE VAI PASAR CO PROXECTO DO HIDRÓXENO, VALENTÍN?

 

As Pontes, dende hai anos, viña aplicando un criterio de prudencia no que se refire a posíbeis novos proxectos industriais, norma que rebentou e fixo desaparecer a “nova” forma de facer política con anuncios do goberno municipal do PSOE, sen medida algunha das súas consecuencias.


O máis aconsellábel é facer análise dos datos oficiais públicos. E que se coñece no caso da planta de hidróxeno de Reganosa-EDP?

O proxecto precisa de auga, como fonte do hidróxeno, para o que conta cunha concesión no lago dende marzo de 2024, pero na que Augas “non garante a dispoñibilidade do caudal que pode aproveitarse”, ademais de condicionala, xunto co resto de aproveitamentos, a manter o caudal ecolóxico do lago, dando prioridade ao bombeo previsto.

Tamén necesita dunha subministración eléctrica, que debe ser de orixe renovábel. Os parque eólicos promovidos por EDP e tramitados no Estado non foron adiante, ademais de non ter permisos de acceso e conexión.

Unha das partes básicas para que estes proxectos teñan futuro é a demanda do hidróxeno. Sen entrar no aspecto do prezo, que está a facer caer moitos dos proxectos grandes e con axudas, o proxecto orixinal contemplaba unha pequena parte, por limitación legal, para distribuír polo gasoduto de Reganosa e a Sentury (as rodas) como consumidor exclusivo, o que, ademais de non precisar moito comentario sobre a incerteza actual de Sentury, seguro que motivou a “modificación” de xuntarse a Forestal do Atlántico como consumidora, o que precisaría dun hidroxenoduto específico (a súa puntuación neste apartado foi de 2 puntos sobre 4). A opción de transportalo por tubo á maior distancia tería que, no mellor dos casos, esperar máis aló de 2030 ao renunciar Enagás á construción do tramo Guitiriz-Zamora antes.

Este proxecto de hidróxeno ten publicadas a Declaración de Impacto Ambiental e a Autorización Ambiental Integrada. Ten uns 30 millóns de euros de axudas concedidas, algunhas delas fixan prazos temporais para determinados feitos, como por exemplo o 6 de abril de 2026 para ter rematada a execución do proxecto, e o 6 de xullo para xustificar a axuda.

Tamén é pública, mediante anuncio no BOE do 12 de xuño de 2023, a licitación que fixo o promotor para contratar a construción da planta, procedemento sen rematar a día de hoxe. Segundo o censo da Asociación Española do Hidróxeno, o proxecto está na fase de enxeñería básica, mentres que a Axencia Internacional da Enerxía o sitúa na previa á decisión final de investimento.


É preciso sinalar que na convocatoria actual de axudas para os chamados “vales do hidróxeno”, o proxecto H2Pole de Reganosa pasou a parte de admisión, mais quedou fóra na resolución provisional ao non chegar á puntuación mínima no apartado de criterios técnicos que valora, entre outros, a obtención de permisos, estratexia de sustentabilidade no uso da auga e a experiencia e solvencia técnica da empresa e do proxecto, apartado no que obtivo 0,85 puntos dun máximo de 5. No criterio económico, o de maior puntuación (70 de 100), obtivo cero puntos. Pola contra, proxectos situados en zonas con peches de centrais térmicas, como Cubillos de Sil, La Robla e Andorra, terían importantes axudas, que, nalgún dos casos, serían do 46% do custe subvencionábel.

A información oficial pública é esa, a valoración sobre a implantación real do proxecto é cousa de cada quen. Iso si, insistir no da precaución; anuncios xa tivemos algún é o resultado é coñecido.


En setembro de 2023, Endesa anunciou a renuncia a realizar ese proxecto.



Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES