PECHE DA CENTRAL, ORZAMENTOS DO CONCELLO, E SUBVENCIÓNS

Que os efectos do peche da Central Térmica serían moi negativos para As Pontes era un convencemento colectivo consensuado, aínda que o Alcalde, sempre instalado no autobombo, dixera na prensa que era unha “grande oportunidade para reforzar o carácter industrial”; e iso que xa coñecía os alarmantes resultados do estudo contratado polo Concello -que nunca presentado nin feito público- a unha equipa de investigación da Universidade da Coruña, con González Laxe.


Pois ben, un deses efectos negativos xa ten consecuencias reais como a importante perda de ingresos municipais, uns 2,6 millóns euros menos anuais en impostos que Endesa xa deixou de pagar ao Concello.

Ante esta previsíbel situación, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción no Concello instando a negociar co Estado unha compensación por esta significativa perda de ingresos, produto de decisións políticas que afectaron á vida da Central; no Pleno do Concello aprobouse por unanimidade, mesmo a “desaparecida” Deputada “das Pontes” en Madrid alardeou no seu facebook desta aprobación, como se fose unha iniciativa do PSOE; porén, no momento que esta mesma proposta levouse a debate no Congreso, e a pesar que afectaba a As Pontes, esa Deputada non asistiu á Comisión e aínda que o PSOE votou en contra -xunto con VOX-, a iniciativa foi aprobada, co que a mesma Deputada borrou a anterior entrada no facebook. Todo un exemplo de coherencia.

Despois da votación en Madrid e xa abandonada polo goberno municipal e o alcalde, logo dunhas intensas e duras negociacións (moita retranca, por favor), tócalle á Alcaldía do PSOE tomar decisións, que, como sempre, estarán condicionadas ás súas prioridades e intereses personalistas e, tamén, partidistas.

E, de feito, xa teñen dado algunha que outra pista de por onde poderían ir os tiros. Nas súas estimacións para os próximos anos, o PSOE contempla, entre outras medidas, unha baixada moi importante, superior ao 60%,  na partida económica destinada ás subvencións a entidades, como se pode apreciar na seguinte gráfica elaborada cos datos municipais.


Do que non informan aínda é sobre como se aplicaría a diminución ás distintas áreas a subvencionar (comerciais, culturais, deportivas, empresariais, sociais, veciñais, ...), dato importante tendo en conta as diversas e diferentes cantidades das que fai uso o goberno municipal segundo distintos ámbitos.


De manter os criterios habituais que veñen aplicando na concesión, con aparencia -só iso- de obxectividade e imparcialidade, a rebaixa “igual para todas” ao aplicar un método proporcional semella ter poucas posibilidades.

Claro que tamén poderían ter influencia as eleccións municipais, as próximas claro. Coñecendo o seu rigor ...









Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES