AS PONTES: PERDA DE POBOACIÓN MOZA

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou recentemente as cifras poboacionais de referencia, con datos de xullo de 2024. A súa consulta e análise no caso das Pontes é obrigada, sobre de todo para quen ten responsabilidades políticas.

O que nos veñen dicir é que, máis unha vez, baixamos poboación, ata 9.751 habitantes.

Isto, evidentemente, é un sinal claro do devalar da nosa Vila, nada novo nos últimos anos, nin sequera precisamos xa de datos oficiais, con darmos un simple paseo polo pobo vemos como foi caendo a vida socio-económica; pola contra, canto máis perdemos máis gasta o Concello e a Alcaldía en publicidade e autobombo, o que realmente lle interesa ao PSOE local para manter unha ficción da que viven e cobran, e por certo moi ben.

Mais os datos publicados polo IGE afondan na nosa crise demográfica: non é só perder poboación, co que isto significa negativamente, aínda é máis grave a perda de xente moza, unha sangría sen precedentes.


A gráfica fala por si soa, evidencia un cambio anormal, xa que non chega con engadir 18 anos á de 2007 para comprobar a de 2025; a herdanza que vai deixar o PSOE local é dramática: cando chegaron ao goberno local, tiñamos 3.620 persoas entre 20 e 40 anos, e agora, logo de case 18 anos de “éxitos” de Valentín, son 1.556; unha caída do 57%.


Hoxe As Pontes ten un índice de envellecemento de 209 -no 2007 era 135-, superior á media da provincia da Coruña (166) e tamén de Galiza (173); xa queda para a historia o de sermos un Concello industrial e de xente moza. Non hai dúbida, calquera tempo pasado foi mellor, moito mellor.



No resto dos índices que aporta o IGE a situación é similar: unha moito menor capacidade de substitución da poboación activa (relación entre a poboación de 60-64 anos e a de 15-19 anos), que pasa dun valor 98 en 2007 a un de 268 en 2024, un aumento do 173%, cando na provincia da Coruña é do 17% e en Galiza do 24%. Ademais, a poboación activa tamén aumenta a súa carga para manter á que depende dela, segundo o índice de dependencia global (relación entre a poboación menor de 15 anos e maior de 64 a respecto da que está entre 15 e 64), que pasa de 36 en 2007 (Galiza 49) a 66 en 2024 (Galiza 60).

Todo un éxito desta Alcaldía. Mais tanto ten, xa que seguiremos vivindo de anuncios marabillosos, cun futuro esplendoroso; claro está que, ao ritmo que imos, cada vez menos persoas poderemos chegar ver (se cremos nos seus anuncios) a futura cidade das Pontes que nos prometía na última campaña electoral. Iso si, para lembranza vainos quedar unha chea de fotos do Valentín cun montón de supostas autoridades que, seica el, sempre estiveron preocupadas pola nosa Vila, aínda que non nos decatásemos nunca dos beneficios do seu interese (léase con retranca, moita retranca).

  

   

Pero a cada un o seu, hai que recoñecerlles que, ao estilo Baltar, dominan á perfección a propaganda, a subvención e o clientelismo. Porque lles deixan.

Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES