A VIVENDA NAS PONTES
A mediados do outubro do ano pasado, con toda a propaganda que sempre precisa o Alcalde, presentouse nas Pontes o denominado Plan Municipal de Vivenda; no informe elaborado para o devandito Plan, afirmábase que no casco urbano había case un 30% de vivendas baleiras, case 1 de cada 3 vivendas.
Mais hai un pequeno problema chamado poboación; dende que goberna Valentín, a perda de habitantes nas Pontes foi do 15%, 1.780 persoas; de feito, o noso concello está entre os 6 da provincia da Coruña que atraen menos poboación da que perden durante dous anos consecutivos (no 2022 chegaron 297 e marcharon 318, mentres que no 2023 foron 209 e 240).
Aínda máis, no caso concreto da nosa vila dáse a circunstancia de que hai un número moi significativo de vivendas fóra de ordenación, sen licenzas municipais, mesmo con descoñecemento nalgúns casos das persoas propietarias; un asunto que debera ser de preocupación e ocupación para quen goberna, mais non é así, coa excepción dun único caso cando chegaron á Alcaldía, alá polo 2007. Tamén por entón estaban en marcha os traballos para a elaboración do PXOM, que podería dar cobertura a moitas desas vivendas, pero 18 anos despois do PXOM xa nin sequera se fala.