NIN O MITECO PODE DISIMULAR O FRACASO DA TRANSICIÓN XUSTA NAS PONTES
Veñen de cumprirse 5 anos da sinatura do “Acuerdo por una una Transición Energética Justa para Centrales Térmicas en Cierre: el Empleo, la Industria y los Territorios”, en Madrid, entre a por entón ministra Teresa Ribera, a hoxe aínda ministra Iolanda Díaz, o representante de Endesa José Bogas, e dúas persoas en representación de CCOO e UXT.
Lembremos que de dito acordo circulan dúas versións, do mesmo día e
hora, unha xenérica de todas as empresas e outra só para Endesa, con datos
referidos ao emprego destruído nas Pontes distintos.
Unha delas fixaba en 366, dos que 197 era, do persoal propio e 169 das
Auxiliares, aos que a outra engadía uns 160 de transportistas do carbón. Con
todo, calquera delas estaba moi por baixo dos 1.178 determinados pola
Universidade da Coruña (UdC) en marzo de 2021, nun estudo para o Concello.
No meritado acordo, a parte do desenvolvemento alternativo con novos
proxectos é responsabilidade case que exclusiva de Endesa, na súa xestión e
execución, o que se concretou no chamado FUTUR-E, polo que a empresa titular da
Central faría novos investimentos, nomeadamente no ámbito enerxético, e
captaría outros, coa finalidade de, cando menos, neutralizar os postos de
traballo destruídos polo peche da térmica de carbón.
Aínda que o Acordo fala dunha Comisión de Seguimento,
con reunións de cada 6 meses, que, entre outras funcións, ocuparíase de vixiar
o cumprimento do mesmo, o único que se publica son os informes anuais,
elaborados polo MITECO e polo ITX; o de 2024 ten data do 09 de abril de 2025.
O documento permite comparar os compromisos de Endesa
a respecto doutras empresas no resto dos territorios con centrais de carbón
pechadas, e, tamén, os de Endesa en cada unha das súas centrais; de calquera
das dúas análises chégase ao mesmo resultado negativo para o noso Concello.
No referido á estimación de creación de emprego a
respecto do destruído polo peche, facendo unha proporción entre eles para cada
zona, no caso de Endesa os resultados son demoledores e evidencia o fracaso
preocupante e irresponsable da Transición Xusta nas Pontes:
De todas as localizacións de Endesa, As Pontes é onde
os compromisos de Endesa teñen peores resultados, coa estimación (sen
garantías) máis baixa de creación de emprego, case que a terceira parte da de
Andorra-Teruel, onde si tiveron, por dúas veces, o Concurso do Nodo de
Transición Xusta (con garantías), incluso por unha potencia superior a da
propia central pechada. Meirama-Cerceda, con Naturgy, ten unha estimación do
dobre das Pontes, e está a tramitar a súa poxa.
No emprego destruído, o MITECO só considera os
empregos directos, de persoal propio da empresa (197 no caso de Endesa-As
Pontes); no caso de ter en conta o das Auxiliares (AA, 169 segundo MITECO), o
de transportistas do carbón (160 segundo MITECO), ou mesmo facelo a respecto
dos sinalados polo estudo da UdC para o Concello (1.178), as relacións serían
moito máis desfavorables, con maior número de empregos destruídos que os
estimados polo MITECO (2 estimados por cada 10 perdidos, no caso da UdC).
Pois si o dí o MITECO ..... Non hai máis preguntas,
Señoría.