PENSIONISTAS E AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL NAS PONTES
O IGE (Instituto Galego de Estatística) vén de publicar os datos sobre pensións na Galiza, e, como xa recollían estatísticas de anos anteriores, As Pontes ten o importe medio de pensión máis alto de Galiza con 1.842,48 euros.
Porén, este dato de termos a pensión máxima do País, produto do pasado, non debe agochar a realidade actual, que, loxicamente, define o presente pero tamén o futuro.
Na actualidade, As Pontes está no posto 35 na relación de salarios brutos mensuais na Galiza, con 2.033 euros, nivel salarial moi preocupante dende o punto de vista das pensións que vai xerar.
Pero aínda é máis grave a ratio entre cotizantes á seguridade social e pensionistas, xa que, con datos actualizados, temos 3.551 afiliacións á seguridade social e 2.752 pensionistas, do que resulta unha ratio de 1,29 cotizantes por cada pensionista.
É dicir, As Pontes, teoricamente unha Vila industrial, ten unha ratio inferior á provincia de Lugo, que, xunto coa de Ourense, son das de ratios máis baixos de todo o Estado (será a “Galicia que funciona”, como dicía o PP).