UN ERASMUS+ NO PAÍS VASCO
NOTA: Pola súa actualidade, aínda cando vai cumprir cinco anos, publicamos hoxe o noso primeiro "artigo" como Bidán, de autoría do amigo Manolo Cabarcos, do que fixemos reparto entre as asistentes a unhas xornadas nas que participamos, xa como Bidán, no concello de Muras, en xullo de 2020.
Dicía o sabio Voltaire que: “alguén intelixente aprende da experiencia dos demais”. Aprender cos demais e da experiencia dos demais necesita, cando menos, dúas condicións: aceptar que necesitamos aprender e recoñecer que podemos aprender dos demais, aínda que non pensen coma nós. Estas serían algunhas das premisas para considerar que adoptamos unha actitude intelixente a este respecto. Tal aprendizaxe require, tamén e en calquera caso, moito menos esforzo intelectual e supón, ademais, un aforro de tempo e medios considerables.
No programa Erasmus+ proponse contribuír á consecución, entre outros, dos obxectivos da Estratexia Europa 2020, incluído o obxectivo principal sobre a educación. Dita estratexia debe permitir aos pobos de Europa acadar un crecemento intelixente a través do desenvolvemento dos coñecementos e da innovación, un crecemento sostible baseado nunha economía máis verde, máis eficaz na xestión dos recursos e máis competitiva, cun crecemento integrador, orientado a reforzar o emprego e a cohesión social e territorial.
Claro que tal ambicioso programa está orientado para o noso estudantado, mais Galiza necesita con urxencia, conseguir entre outros, os obxectivos anteriormente citados. Así, entendemos de interese un Erasmus transversal e interxeracional, destinado a quen, dunha forma ou doutra, exerce funcións de goberno en institucións públicas ou privadas, no ámbito político, asesor, empresarial, do emprendemento, docente, até “influencers”, e, como non, tamén para quen poida, dalgunha maneira, aportar algo para a consecución dos meritados fins.
E por que o País Vasco para esta primeira convocatoria e non Noruega, Irlanda, Suiza, Simgapur, ...?. Pois por proximidade a Euskadi, o cal, supón un importante aforro de tempo e diñeiro -dos que non andamos moi sobrados, especialmente do segundo-, pola facilidade de comunicación, ..., mais, sobre de todo, porque estamos convencidos que a moitas das persoas destinatarias interesaralles saber por que o País Vasco, a nível estado:
- é o
primeiro en investimento en I+D+i;
- a integración de tres caixas vascas deu como resultado Kutxabank, a entidade financeira máis
solvente;
- ten o emprego con salarios medios máis altos;
- rexistra o menor desemprego, segundo a última EPA de
2020;
- as súas pensións medias son as máis altas –certo é que
o 40% da poboación vasca complementa a súa pensión da Seguridade Social a
través de Entidades de Previsión Social Voluntaria, incluídos os traballadores das
administracións públicas e do Servizo
Vasco de Saúde-;
- é o primeiro en ivestimento en educación e onde se
produce o menor índice de abandono escolar;
- ten o maior investimento per cápita en sanidade;
- e da súa estratexia enerxética e do Ente Vasco da Enerxía xa falamos e xa sabedes.
E como consecuencia de todo isto, e doutras cousas, o País Vasco é onde se xera o maior ÍNDICE DE DESENVOLVEMENTO HUMANO do estado, ocupa o lugar 12 do mundo, mentres que España está no 25.
Mais non deixa de sorprender, tamén, que un pobo como vasco, dado o seu carácter relixioso que moitos lle atribúen, non teña un lugar singular e relevante de peregrinaxe á altura dun santo da talla de San Ignacio de Loyola, asunto no que Galiza si que podería ser determinante, poñendo a disposición das autoridades eclesiásticas vascas o noso insuperable “know-how” sobre a creación e xestión de camiños e lugares de peregrinaxe; de seguro que non tardariamos moito en converter Azpeitia no quinto lugar mundial de peregrinaxe, regando os seus roteiros de industrias transformadoras 4.0 con recursos intanxibles en grandes beneficios materiais libres de impostos, difíciles de imaxinar para un lego na materia.
Lembrar tamén, e por último, que Euskal Herría é onde máis restaurantes de tres estrelas Michelin teñen e o segundo en estrelas totais despois de Cataluña. Agora ben, para os que prefiran outra alternativa máis popular, dicir que nos bares ofertan uns pinchos e uns viños Rioja Alavesa e chacolís que “regan o corazón”, o cal contribuiría, sen dúbida, a relaxar moito o estrés acumulado dun día de Erasmus. Iso si, teñen un pero, os pinchos hai que pagalos. Pero que todo sexa en prol da cultura.