18 ANOS DE GOBERNOS MUNICIPAIS DO PSOE NAS PONTES, MAIORÍA DE IDADE


Hai 18 anos que o PSOE das Pontes chegaba ao goberno municipal, sobre a base de promesas aínda hoxe incumpridas, como a da creación de 1.500 postos de traballo.

18 anos é unha idade moi simbólica, a da maioría de idade, na que, na actualidade, pódese votar e mesmo conducir un vehículo. Nos tempos da política, gobernar 18 anos é tempo dabondo para sabermos dos logros acadados ou, pola contra, como pasa nas Pontes, das desfeitas social, laboral e económica provocadas.

Por iso, chegar a esta “maioría de idade” permítenos avaliar os cambios que houbo nas Pontes, saber se, como publicou o alcalde nunha entrevista no seu xornal de referencia (publicidade que pagamos entre toda a veciñanza), “As Pontes deu un estirón, ou o máis recente anuncio, hai dous anos, nunhas xornadas nas que colaboraba co MITECO para vendernos esa tomadura de pelo que denominaban Transición Xusta onde, nun alarde de desmesura, chegou a vaticinar que “As Pontes en cinco ou dez anos vai ser unha cidade”.

Cal é, entón, a situación real despois destes 18 anos de propaganda e publicidade diaria, cunha chea de fotos, todo un bombardeo para narcotizar a opinión pública?

En primeiro lugar, hai que recoñecer sen ningún reparo os seus éxitos electorais, un tras outro, case sempre con maiorías absolutas; o cal demostra, entre outras cousas, que multiplicar por 10, con cartos do Concello, o gasto das anteriores corporacións en publicidade deu un rendemento político evidente. En segundo lugar, tamén foi un éxito deste goberno municipal a política de subvencións, e non nos referimos ás de axudas en temas sociais, non, falamos doutras subvencións que manteñen a falsa imaxe dun pobo activo, cando a realidade é outra. E, por último, o arranxo de rúas e prazas, sobre todo no centro, no que chaman “humanizar”, esquecendo que a choiva é parte de nós, destruíndo espazos tradicionais e singulares como o xardín con décadas, e re-facendo prazas para mantelas case que inútiles; todo o demais é desfeita social. De feito, a única infraestrutura nova nestes 18 anos é o circuíto de karts, ningunha outra, e para iso precisou 18 ano, todo un  logro.


Sen embargo, a realidade socioeconómica deu un cambio brutal, a peor, a moito peor. Non fixo nada de solo industrial, e iso que cando chegou o PSOE ao goberno municipal había unha partida do Plan Miner para incrementar Penapurreira, paralizada polo propio goberno municipal gastando outros 2 millóns de euros dos cartos do Concello comprando terreos para o que dicían que sería un Parque Tecnolóxico, algo que non chegou a ser realidade.

Nunca foi de agrado de Valentín aceptar compromisos do anterior goberno municipal, de feito obrigou a reformular os investimentos xa planificados do Miner, e non só para o solo industrial, tamén había para unha Residencia de Maiores que, xunto con outras actuacións, sumaban 54,8 millóns de euros; o resultado final foi que o Miner non gastou ningún deses euros nas Pontes, nin solo industrial, nin Residencia, nin nada; dende que goberna o PSOE nas Pontes o Miner non volveu facer un só investimento: un gran éxito de xestión.


E si, xa había 5,7 millóns de euros para a Residencia, pero nestes 18 anos leva xa outros 4 anuncios diferentes, en distintos sitios, con prazas diferentes e con subvencións distintas, e non hai nada de nada. Iso si, agora volvemos ter outra promesa dunha Residencia de Maiores impulsada pola Deputación na Pardo Bazán, aínda que xa tivemos outro anuncio (con foto incluída na prensa) dunha Residencia no antigo Hospitalillo de Endesa que tamén ía ser financiada pola Deputación -daquela xa era tamén presidente desa institución-. Na actual promesa, o número de prazas non cubre nin de lonxe as necesidades recomendadas por organismos internacionais para unha poboación envellecida como a das Pontes, ademais de ter que compartilas con outros concellos da Comarca.

O PSOE chegou ao goberno municipal con 5.179 persoas afiliadas á Seguridade Social, cando en decembro do ano 2024 eran 3.505, caída que supuxo unha perda enorme de poboación, 1.749 habitantes menos; pero o máis grave, polo presente e o futuro das Pontes, é que con Valentín como alcalde o descenso de poboación entre 20 e 40 anos foi do 56%, algo tremendo, pois con esa xeración perdemos, por bioloxía, a parte máis activa da poboación e a que máis investimentos fai. Case que a mesma perda en porcentaxe, 58%, é a de empresas, que pasou das 870 en 2007 ás 369 neste ano, máis de 500 que desapareceron do padrón do Imposto de Actividades Económicas.


E no que ten a ver coa xestión municipal, máis do mesmo, cunha redución de persoal, funcionario e laboral, de máis dun 30%, deixando servizos esenciais e básicos como o da Policía Local sen atender todas as quendas, política que se compensa cunha maior -e desastrosa- contratación de empresas, dun control máis doado; o PSOE leva privatizando o Concello 18 anos. Cando se fala de que o PSOE deixa sen gastar máis de 6 millóns ao ano -sería por iso que aforraron uns 2 millóns de Endesa por cada ano do desmantelamento da Central-, moitos deles veñen da parte de persoal, que, a día de hoxe, está sen a suba legal do IPC e con postos por baixo do Salario Mínimo Interprofesional.


Pola contra, os concelleiros e concelleiras do PSOE, 7 persoas -contando un asesor- cobran (e ben) nun concello de menos de 10.000 habitantes, caso único na Galiza, mentres que o propio Valentín pasou de dar unha entrevista no que se gababa de non cobrar nada a ser o alcalde mellor pagado, vía Deputación, de toda Galiza.


Estes 18 anos son a historia dunha desfeita; sen ningunha dúbida, dende as primeiras eleccións democráticas do 1979, é o peor resultado dun goberno municipal na historia local. Como pasa noutras poboacións en decadencia socioeconómica -caso paradigmático o da provincia de Ourense-, canto peor lles vai mellor resultado electoral para quen ten o goberno, co que pode manter unha realidade ficticia, a base de subvencións e propaganda; é ao que chegamos, a unha política local que se asemella moito a de Baltar. Tamén acompañada nas Pontes da censura nos medios de comunicación públicos locais, cunha radio e televisión que son a cadea do PSOE, e unha concelleira responsábel política exercendo o oficio de censora, cargo que comparte coa da Secretaría de “Rexeneración Democrática e Transparencia” na executiva galega do PSOE; só un exemplo, na última Folga Xeral convocada pola CIG, e que foi un éxito e un exemplo de civismo, esta concelleira ordenou aos medios de comunicación local que non gravasen ningunha imaxe. Nisto, como en outras moitas cousas, non se diferencian das políticas do PP.

Agora, xa sen a colección de fotos á que nos acostumou e coa crise do PSOE pola corrupción, fáltanos saber onde se vai re-situar de novo o alcalde, con Pedro Sánchez, con Paco Vázquez (do que dixo que era o seu modelo) ou con Pepe Blanco; aínda que o seu prestixio e valor” políticos están xa amortizados -Endesa é a única que mantén o interese para que siga sendo alcalde, por motivos máis que evidentes- ben seguro imos seguir tendo un espectáculo neste tema, que tamén afectará, pero para mal, As Pontes, e non seu peor momento.




Publicacións populares deste blog

VALENTÍN, A RESIDENCIA E A DEPUTACIÓN

VAISE SEN TER VIDO

DESMANTELAMENTO DA CENTRAL, AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL E REALIDADE LABORAL NAS PONTES