EMPREGO E DESMANTELAMENTO DA CENTRAL NAS PONTES, MÁIS PROMESAS E COMPROMISOS INCUMPRIDOS
Cando Endesa anunciou o peche definitivo da Central Térmica fixo publicidade de novos proxectos industriais, mais ningún existe na actualidade; un deles era a maior central de xeración de hidróxeno verde no ámbito estatal, que só dependía de Endesa, para a que ten comunicado hai tempo a súa renuncia e abandono, pero que aínda hoxe anuncia na súa web xunto co das rodas de Sentury.
Neste despropósito no que sen convertido a farsa da Transición Xusta nas
Pontes, a hemeroteca é moi cruel, e iso que pasou moi pouco tempo. Xa daquela
chamaba moito a atención as demandas do Alcalde a Endesa para conservar
determinadas instalacións, cando poucos días antes tiña concedida a licenza
municipal para tiralas. Pero a estas alturas doe, e moito, ler como o propio
Alcalde dunha Vila á que lle pechan, de xeito desordenado, a Térmica, di
textualmente: “Hay que pasar página, y cuanto antes mejor”.
Mais Endesa e o goberno municipal, o seu fiel e entregado aliado, tamén publicaron
que o desmantelamento da Central Térmica ía xerar moito emprego, temporal, pero
cun impacto moi positivo nas Pontes.
Aínda sen coñecerse datos oficiais pero coa referencia do que ten pasado
noutras Centrais, As Pontes tamén pasará por períodos de máis emprego e outros
con menos persoal.
Con todo, unha análise de como van evolucionando as afiliacións á
Seguridade Social durante este ano 2025 permite obter información.
Namentres no Estado, na Galiza e tamén na provincia da Coruña, temos un
incremento, no caso das Pontes, e a pesares do desmantelamento, hai unha
baixada.
Isto quere dicir que As Pontes vai no camiño contrario dos índices
xerais no Estado e na Galiza e, ademais, que os novos empregos temporais no
desmantelamento -os únicos reais nesta publicidade enganosa do conto que chaman
Transición Xusta- non compensan a perda doutras afiliacións á Seguridade Social,
por traslados de residencia, xubilacións, ... En definitiva, temos un resultado
negativo, no que non está aínda o pretendido peche de Einsa.
E en tal contexto, volve a pregunta esencial aínda sen resposta: por que
nestes 18 anos de gobernos de Valentín non desenvolveu un só metro cadrado de
solo industrial?
E para intentar tapar os efectos prexudiciais de tal irresponsabilidade é
quen de permitir e favorecer a especulación con naves industriais, aínda que
sexa destruíndo postos de traballo. Tempo teremos de facer esta reflexión.
Mais a mostra real do desastre é cando o Alcalde, na súa desesperación
en amosar unha realidade ficticia, pretende vender o interese nas Pontes de
investidores dos Estados Unidos -antes xa foron os de China e mesmo os de
Portugal-; claro que Valentín oculta, por interese propio, que, en xeral,
só son cambios de accionistas na titularidade das empresas locais, pero sen
creación de emprego novo. E o tempo vainos dicir se iso é unha economía estábel
ou non.
E, namentres, seguimos baixando en afiliacións á Seguridade Social, con
desmantelamento e todo, mesmo xa temos unha porcentaxe menor de persoas
afiliadas a respecto de persoas activas do que ten a provincia de Lugo, a
segunda despois de Ourense, que menos ten do Estado. Todo un éxito de Valentín. E non hai páxinas da Voz que tapen tanto desastre.